obxectivos

As actividades desta Cátedra están dirixidas a mellorar a comprensión da Unión Europea e do proceso de integración europea, facendo fincapé no desenvolvemento dunha clara dimensión política, tanto interna como externamente. Pretenden sensibilizar á cidadanía sobre as accións que a UE leva a cabo para colectivos sociais e para persoas concretas e, ao mesmo tempo, promover o desenvolvemento de coñecementos e novas perspectivas que sirvan para deseñar políticas a nivel europeo (no marco multinivel europeo). Este Proxecto está claramente dirixido a promover a difusión entre os nosos estudantes, cidadáns e colectivos sociais, en xeral, dos asuntos e políticas europeas. En particular, pretende examinar cuestións relacionadas co sistema institucional (sistema parlamentario, democracia, dereitos e liberdades fundamentais, administración e procedementos públicos, servizos públicos, etc.) e as políticas públicas no contexto da dixitalización.
As tecnoloxías dixitais están afectando tanto á vida cotiá das persoas e ás institucións políticas como, en definitiva, ao conxunto da sociedade. A dixitalización pode producir beneficios para todos, pero conleva riscos de varios tipos. É indubidable que pode xerar novas oportunidades para particulares ou empresas europeas. Neste sentido, consciente da súa relevancia, a Comisión Europea apostou por facer da presente década a “Década Dixital” de Europa. Porén, as implicacións políticas, económicas ou sociais da dixitalización son evidentes e amplas. Así, a UE busca ter unha capacidade que lle permita guiar o curso da dixitalización, é dicir, configurar unha soberanía dixital europea para definir o seu propio modelo de dixitalización. Neste sentido, por unha banda, a UE potenciará as capacidades dixitais dos europeos e garantirá os seus dereitos e liberdades fundamentais fronte a posibles ameazas. Por outra banda, debe atender á preparación e conservación das tecnoloxías dixitais que son críticas nos sectores público e privado no contexto global.
O impacto das transformacións dixitais nos principios e valores, nas institucións políticas, nas administracións públicas, os servizos públicos, as políticas públicas ou a vida dos cidadáns, empresas ou colectivos sociais é inevitable. Por exemplo, cales serán as futuras formas de articular a democracia e a participación política? Como se levará a cabo a prestación dos servizos públicos por parte das administracións públicas? Como evitar a aparición de fendas dixitais entre os distintos grupos sociais? Que profesións serán necesarias no sector público e privado? Que tipo de políticas educativas e formativas demandarán?
